Saturday 18 de May de 2024

A Xunta abre o ‘Portal de Transparencia e Goberno Aberto’, que ofrece á cidadanía maior información e control sobre o goberno


O portal bota a andar hoxe, coincidindo coa entrada en vigor a Lei de Transparencia e Bo Goberno, e estará dispoñible no enderezo http://transparencia.xunta.gal

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, presentou en rolda de prensa o ‘Portal de Transparencia e Goberno Aberto’, que botará a andar ao longo do día de hoxe, 7 de marzo, coincidindo coa entrada en vigor da Lei de Transparencia e Bo Goberno.

Segundo explicou a directora xeral, este novo portal converterase nun “punto único, directo e centralizado” de toda a información que deba facerse pública á cidadanía, de acordo coa nova normativa básica de transparencia e coa lei aprobada a este respecto polo Goberno galego.

O Portal é unha ferramenta transversal a todos os departamentos da Xunta de Galicia e estará coordinado pola Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, que foi a encargada de do seu desenvolvemento xunto coa AMTEGA. Estará dispoñible no enderezo http://transparencia.xunta.gal e directamente dende a web da Xunta www.xunta.gal.

O sistema de navegación pretende facilitar a procura de información por parte dos cidadáns de xeito sinxelo, xa que se organiza en torno a conceptos que lle poden resultar próximos e relacionados entre eles. A partir de hoxe calquera persoa poderá atopar unha maior cantidade de información da que dispoñían ata o de agora -e máis da que establece a lexislación básica estatal- e solicitar electronicamente calquera tipo de información pública.

Por unha banda facilitarase un acceso sinxelo e directo a contido que antes se publicaba pero estaba disperso, como a normativa en tramitación, as circulares e instrucións de interpretación de normativa, os efectivos de persoal público e as retribucións, perfís e declaracións de actividades dos altos cargos.

Doutra banda, o Portal incorpora contido propio e inédito, como é o caso da relación dos bens inmobles propiedade da Xunta, a conta xeral da Comunidade, a información das viaxes dos altos cargos ou as súas declaracións de bens patrimoniais no momento de toma de posesión e cese, por exemplo.

Catro bloques temáticos
Así pois, os contidos do Portal estrutúranse en catro bloques: A Transparencia, Temas, Solicitude de acceso á información pública e Outras organizacións.

O bloque A Transparencia incorpora contido divulgativo de carácter xeral sobre a transparencia, sobre os niveis alcanzados por Galicia nas enquisas internacionais de Transparencia e en relación a como se organiza o portal e o tipo de información que se poderá consultar nel.

O bloque Temas estrutura en 6 as temáticas sobre as que se poderá consultar e que se corresponden coas obrigas de publicidade activa: Participación e Relacións coa cidadanía; Transparencia institucional, organizativa e de planificación; Información de relevancia xurídica; Información económica, orzamentaria e estatística; Información en materia de persoal; e Ordenación do territorio e medio ambiente.

O bloque Solicitude de acceso á información pública incorpora toda a información necesaria para realizar unha solicitude e o acceso ao formulario desde o cal se pode presentar electronicamente ou proceder á súa descarga para a súa presentación presencial. Ademais incorpora tamén o acceso ao Valedor do Pobo configurado como órgano independente de control ao que lle corresponderá resolver as reclamacións fronte as resolucións en materia de acceso á información pública.

O último bloque, Outras organizacións, facilita o acceso as páxinas de transparencia dos demais organismos, entidades e organizacións incluídas dentro do ámbito de aplicación da normativa de transparencia, así como a outras institucións públicas que desenvolveron nos últimos anos iniciativas en favor da transparencia e bo goberno.

Solicitude pública de información
Ademais dunha importante porta de saída de información, o ‘Portal de Transparencia e Goberno Aberto’ converterse nunha porta de entrada ás solicitudes de información da cidadanía. Así, desde hoxe mesmo tamén existe a posibilidade de presentación electrónica a través do Portal de solicitudes de información pública á Xunta de Galicia.

As solicitudes poderán realizarse de xeito telemático a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es e no novo Portal de Transparencia e Goberno aberto http://transparencia.xunta.gal, así como de xeito presencial ante calquera Oficina de Rexistro da Xunta de Galicia ou correo postal.

A recepción da información pública poderá ser tamén tanto en formato electrónico ou en papel, e en galego ou castelán, segundo teña indicado a persoa solicitante. O acceso á información será gratuíto.

Natalia Prieto rematou a súa intervención asegurando que que o ‘Portal de Transparencia e Goberno Aberto’ nace coa finalidade de ser “unha ferramenta viva e dinámica cunha vocación de mellora permanente” e de fomento da participación da cidadanía nos asuntos públicos e que, precisamente por iso, irase incorporando nel aquela información pública que solicite con maior frecuencia a cidadanía.